Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta defende a correcta xestión dos residuos como unha forma eficaz de crear “Riqueza e Emprego”


― O responsable de Sogama considera que a pandemia da covid puxo a proba este servizo, constatando o seu carácter básico e esencial

― Subliña que a clave do éxito dunha empresa pública radica na sostibilidade, prestando un servizo de calidade e beneficioso para a sociedade e garantindo a súa viabilidade

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, defendeu esta mañá a necesidade de mudar a visión que se ten sobre os residuos para poñelos en valor e defender que, grazas á súa correcta xestión e tratamento, se pode contribuír de forma eficaz non só a reducir a contaminación senón tamén a crear riqueza e emprego.

No marco do I Encontro estatal de corporacións públicas empresariais, organizado pola Corporación Pública Empresarial de Navarra, o responsable de Sogama participou hoxe en nome de Galicia e xunto a representantes institucionais e empresariais doutras seis comunidades na sesión dedicada a expoñer e analizar diferentes exemplos de boas prácticas neste sector.

Javier Domínguez comezou lembrando cal é o cometido de Sogama e o contexto no que a Xunta impulsou este modelo na década dos 90 co obxectivo de dar cobertura ao conxunto do territorio galego, caracterizado polo gran dispersión da súa poboación. Como solución, explicou que se apostou por unha rede de 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente por toda a Comunidade e polo impulso do tren como medio preferente de transporte, que, de feito, pasou de mover o 25% dos residuos no ano 2016 ao 55% na actualidade, superando xa ao tráfico rodado.

En base á experiencia adquirida desde a posta en marcha de Sogama hai xa máis de 20 anos, o responsable da empresa pública galega incidiu na necesidade de poñer en valor os residuos, concienciar á poboación de que hai que tratalos nas mellores condicións posibles e implicala na súa xestión porque o lixo, engadiu, “é un problema de todos”.

Neste sentido, indicou que unha correcta xestión dos refugallos nas súas diferentes fases tamén pode ser unha fonte de riqueza e emprego como demostra o exemplo de Cerceda, concello onde o 15% da poboación traballa no complexo medioambiental que ten Sogama neste municipio e ao redor do cal emerxeu unha potente industria ambiental.

Ademais, Javier Domínguez subliñou que a xestión e o tratamento dos residuos urbanos tamén é un servizo básico e esencial, algo que quedou perfectamente constatado durante a pandemia xa que, de non prestarse con normalidade, teríase agravado máis aínda o problema de saúde pública que supuxo a covid.

A este respecto, aludiu ao labor que realizou Sogama no tratamento dos residuos sanitarios de baixo risco durante as tres ondas máis virulentas da covid, tendo xestionado nas mellores condicións posibles e garantindo a eliminación de patóxenos e outros axentes nocivos máis de 285.000 kg de refugallos.

O canon de Sogama, dos máis baratos de España
Por último, Javier Domínguez indicou que o principal éxito dunha empresa pública radica na súa capacidade para ser sostible e contribuír á sostibilidade. “Unha empresa pública debe prestar un servizo de calidade, debe ser viable economicamente e debe achegar beneficios á sociedade, máis aló do seu cometido per se”, asegurou.

No caso de Sogama, subliñou que tamén debe autofinanciarse para o que conta con dúas vías de ingresos: o canon que pagan os concellos polo servizo e a venda de enerxía eléctrica producida a partir dos residuos non reciclables. De non ser así, dixo, o canon que se lle cobra aos municipios sería maior, indicando que actualmente é “o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España”.

Ademais e co fin de premiar aos entes locais que apostan pola xestión sostible dos residuos, lembrou que, por terceiro ano consecutivo, a Xunta aplica unha bonificación do 10% no canon de Sogama a aqueles entes locais que cumpran con dous requisitos: promover a redución de residuos e/ou reciclaxe dos envases lixeiros, e trasladar esta rebaixa ao recibo dos veciños. “Isto é sostibilidade”, remachou Domínguez.